Blog

Parellas homosexuais e impostos

O 21 de maio do 2015, a Sala 3ª do Tribunal Supremo, que resolve recursos de casación en procedementos contencioso administrativos, solicitoulle ao Tribunal Constitucional que se pronunciara sobre se o artigo da Lei do Imposto de Sucesións e Doazóns que prevé reducións fiscais para “cónxuxes” contradí o dereito constitucional a igualdade en relación a parellas homosexuais que non puideron casarse o falecer un deles antes da entrada en vigor da Lei 13/2005 de 1 de xullo que permite o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. O Tribunal Supremo entende que a bonificación fiscal debe aplicarse tamén ás parellas homosexuais e por iso deixa en suspenso a resolución do recurso de casación mentres o Tribunal Constitucional non se pronuncie ao respecto.

O recurso de casación promoveuno unha muller que resultou herdeira universal e única da súa parella, outra muller, coa que convivía sen poder contraer matrimonio ao falecer no ano 2001, antes da Lei que lles permitiría casar. O caso é que a herdeira ó formalizar o imposto de sucesións aplicouse os beneficios fiscais que entendeu que lle correspondían pero Facenda non llo consentiu e xiroulle unha liquidación complementaria de máis dun millón de euros e impúxolle unha sanción de outros cinco mil cincocentos.

O Tribunal Supremo cuestionouse se era razoable considerar “estraño” á parella homosexual da falecida para determinar a débeda tributaria que no caso de que puidera casarse sería menos da metade. O Fiscal, o Avogado do Estado e a Comunidade Autónoma do lugar no que residía a parella néganse a que se lle aplique a bonificación fiscal baseándose nunha sentenza do Tribunal Constitucional do ano pasado que negou pensión de viuvez á persoa homosexual trala morte da súa parella. Sen embargo, o Tribunal Supremo ten dúbidas de que se poidan aplicar os mesmos criterios do réxime de prestacións da Seguridade Social ao réxime de cuantificacións fiscais para determinar as débedas tributarias.

Na miña opinión, a solución que o Tribunal Constitucional lle dea a esta cuestión será decisiva para demostrar se as políticas emprendidas polo PSOE que levaron a regular os dereitos do colectivo LGBT son realmente efectivos ou non. A diferenza do que ocorre coas parellas de feito heterosexuais, os homosexuais non podían contraer matrimonio entre si até a entrada en vigor da Lei 13/2005 e por tanto é de xustiza cuestionarse por qué non deben ser de aplicación para eles os efectos que se derivan da súa condición de “cónxuxes” imposibilitados de contraer matrimonio e, en consecuencia, a ter dereito a percibir pensión de viuvez e beneficiarse de vantaxes fiscais.