Blog

Pensión compensatoria e herdanza sobrevida do cónxuxe beneficiario

Sempre foi un tema controvertido tanto pola previsibilidade do feito como pola valoración da importancia e rendibilidade do caudal herdado. A cuestión radica en determinar se a herdanza recibida fai desaparecer o desequilibrio económico que o divorcio lle ocasionou ao beneficiario da pensión. Na sentenza ditada polo Tribunal Supremo o día 17 de marzo de 2014 analízase o suposto en profundidade e sae ao paso de cuestionamentos que a xuízo de diversas Audiencias Provinciais facían inviable a extinción da pensión por esta causa. Algunhas Audiencias esixían a demostración de tódolos detalles sobre a herdanza, cantos eran os herdeiros, se a herdanza se aceptou a beneficio de inventario ou non, se había máis débedas e obrigas e se eran de maior importe ca o valor dos bens, se o herdeiro tería que responder co recibido en herdanza ou co patrimonio persoal, o montante exacto do recibido, e outras circunstancias que farían posible determinar se o desequilibrio económico desaparecera ou persistía.

En anteriores sentenzas, o Tribunal Supremo tamén mantiña ese criterio, pero na de marzo de 2014 modifícao para sentar a doutrina de que a herdanza recibida pódese ter en conta á hora de xulgar se persiste o desequilibrio ou se se desvaneceu. Di o Supremo que a pensión compensatoria non é un medio para igualar economicamente aos cónxuxes, e que desaparece ou pode desaparecer a consecuencia de resultar o beneficiario da pensión agraciado cunha herdanza, porque neste caso desaparece a razón de ser da pensión ao alterarse substancialmente as circunstancias do beneficiario. Engade, que unha herdanza ten o carácter de non previsible posto que non era posible prever cando podía suceder nin por iso puido terse en conta á hora de determinar o cálculo da pensión, e non é necesario entrar ao detalle nas súas circunstancias para que se poida declarar extinguida a pensión.

O actual criterio xurisprudencial e doutrinal que se segue sobre a pensión compensatoria é a temporalización, é dicir, establecela cunha duración determinada apriorísticamente, deixando as pensións indefinidas reducidas aos casos moi puntuais nos que se evidencia un matrimonio de moi longa duración, cun dos cónxuxes dedicado ao coidado da familia e incluso á realización das tarefas domésticas, que ten escasa ou nula formación, que nunca traballou fora da casa ou que se viu obrigada a deixar o traballo para atender a familia, que ten unha avanzada idade e poucas ou ningunha posibilidade de acceder ao mercado laboral.

O lema é que tralo divorcio debe facerse borrón e conta nova, e que ningún dos que foron esposos debe soportar a carga do outro.